I EDICIÓN DO CONCURSO FOTOGRÁFICO
DAS ARTES E A CULTURA INCLUSIVAS
FESTIGUAL 2020

Que é para ti a cultura inclusiva? Coñeces algún exemplo de actividade artística inclusiva e accesible? Que imaxes representan para ti a inclusión nas artes? Queremos sabelo! Por iso lanzamos a I Edición do Concurso Fotográfico das Artes e a Cultura Inclusivas.
Os gañadores e gañadoras participarán na vindeira edición do Festigual, o festival de artes pola inclusión social. As pezas seleccionadas conformarán unha exposición fotográfica que formará parte do Festigual 2021, que este ano está formada por imaxes do prestixioso fotoperiodista Óscar Corral.

Como participar?

Calquera persoa, colectivo ou asociación poderá presentar todas as fotografías que queira. Para participar haberá que subir as imaxes a Facebook ou Instagram (en perfiles públicos) etiquetando a @festigual e utilizando os hashtags #ConcursoCulturaInclusiva e #Festigual2020
Cada imaxe deberá ir acompañada dun título.
O prazo para participar será do 20 de outubro ao 30 de novembro ás 23:59 h. As pezas gañadoras comunicaranse o día 3 de decembro en todas as redes de Festigual.

Quen pode participar?

O concurso está aberto a todo o mundo: tanto a colectivos (asociacións, escolas, centros ocupacionais…) e entidades, como a persoas individuais, xa sexan aficionadas ou profesionais.

Como deben ser as fotografías?

A temática das fotografías será a Cultura e as Artes Inclusivas. Cada particpante será libre de interpretar e representar ese concepto da forma que mellor considere.
Para poder participar no concurso as fotografías deberán enviarse a máxima resolución co tamaño orixinal do dispositivo co que foi feita, e no caso de ser seleccionadas deberán ser enviadas por email xunto cos datos do autor ou autora.
Todas as imaxes deberán ser orixinais e non copias ou apropiacións de terceiros.
As imaxes que non cumpran ditos requisitos quedarán fóra do concurso.
Pero queremos que o certame estea aberto a todo o mundo, polo que se non tes unha boa cámara, non te desanimes, no Festigual tamén temos un espazo para ti! Bota man do móbil para tomar as fotografías e súbeas ás túas redes.
Etiqueta a @festigual e coloca o hashtag #Festigual2020. Aínda que non entren a concurso, compartiremos as túas imaxes no noso Facebook e Instagram.

Deliberación e premios

As fotografías gañadoras serán expostas no Festigual 2021, pasando así a formar parte do festival polas artes inclusivas que cada ano reúne na Coruña a asociacións e entidades que traballan por unha cultura máis inclusiva e accesible.
Un xurado desginado pola Fundación Emalcsa encargarase de seleccionar as 10 mellores fotografías. Ademais, a imaxe con máis Gostos nas redes recibirá o “Premio do Público”, e formará tamén parte da exposición física do Festigual 2021.

Así, haberá:
● 10 fotografías gañadoras que se convertirán nunha exposición no Festigual 2021
● 1 fotografía que recibirá o Premio do Público e que tamén formará parte da exposición

Unha vez seleccionadas as pezas gañadoras e o Premio do Público, contactarase cos autores e autoras, que deberán enviar as imaxes por mail xunto cos seus datos.
En caso de non conseguir contactar coas persoas gañadoras nun prazo de 10 días, o xurado escollerá outro/s traballo/s como premiado/s.

Dereitos e responsabilidades

As persoas ou entidades participantes serán as únicas responsables dos contidos e mensaxes que aparezan nas fotografías presentadas ao concurso.
Cada participante será responsable das posibles vulneracións de dereitos de imaxes, protección de datos, honor e intimidade ou calquera outro dereito propiedade dun terceiro que poida ser vulnerado coas imaxes presentadas.
Festigual e as empresas organizadoras quedan así indemnes de calquera responsabilidade que se desprenda de ditas posibles vulneracións.
A participación no I Concurso Fotográfico das Artes e a Cultura Inclusivas supón a cesión dos dereitos de explotación das imaxes e a aceptación de que, no caso de resultar gañadoras, formen parte da exposición fotográfica do Festigual 2021. Neste sentido, Festigual poderá utilizalas en actos promocionais ou cedelas a terceiros co obxectivo de facer difusión da exposición. Isto non supón en ningún caso a renuncia dos dereitos de autor, que serán, por suposto, da persoa autora da obra.
Festigual resérvase o dereito de eliminar do concurso aquelas imaxes que considere ofensivas, denigrantes, que non cumpran os requisitos descritos nestas bases ou calquera contido que implique unha responsabilidade penal ou civil.

A participación no concurso implica automaticamente a aceptación destas bases.

info

PROXIMAMENTE MÁIS INFO

SÍGUENOS NAS REDES

Organizan:

imaxe do logotipo do concello da coruña
imaxe do logotipo da fundación emalcsa
Colaboran:

imaxe do logotipo da fundación maría josé jove
imaxe do logotipo de vegalsa
Xestiona:

imaxe do logotipo de culturactiva