Deseño e son

Mapas táctiles de escolas e teatros da Coruña, fichas para aprender a ler en braille, clasificadores de calcetíns para persoas cegas e ata próteses en forma de aleta para poder nadar. Todo iso e máis fan en Deseño e Son, un proxecto de colaboración creativa entre grupos diversos que están coordinados por docentes do IES Ramón Menéndez Pidal, o CEE de Aspronaga e o de Aspanaes.

Alí onde hai unha necesidade, estes rapaces e rapazas póñenlle solución armados cunha impresora 3D, instrumentos musicais, imaxinación e ganas de mellorar o mundo que lles rodea. E de paso, aprender.

Traballo de Deseño e Son

A diversidade enriquece. E ata que non o ves non o sabes

A iniciativa “nace do desexo de que os rapaces de instituto tivesen coñecemento e convivisen con persoas con diversidade funcional”, conta Isabel Puente, profesora de música do IES Menéndez Pidal e coordinadora da parte de son. “A diversidade enriquece. E ata que non o ves non o sabes”, di.

“O máis chulo son as relacións persoais. Son adolescentes con ou sen diversidade funcional traballando xuntos”, conta o seu compañeiro de proxecto Felo Couto, que é profesor da clase vermella no CEE Nuestra Señora de Lourdes (Aspronaga). Este mestre conta entusiasmado que todo comezou cando chegou ás súas mans unha impresora 3D: “Buscabamos cousas que imprimir, pero queriamos cousas que servisen para algo, para axudar”.

Foi así como acabaron dando co IES Menéndez Pidal, tamén involucrado en proxectos similares. “Vímolo clarísimo”, relata Felo Couto, que engade que dende o primeiro momento decidiron compartir o que estaban facendo “e buscar solucións comúns”. Así, o proxecto actual xorde doutro que xa estaban realizando entre os dous centros chamado Diversidad Impresa. Este tiña como obxectivo crear obxectos de axuda para persoas cegas e xordo cegas. Esa andaina que comezaron xuntos levounos ata hoxe, a Deseño e son, que como o seu nome indica mestura deseño e música, sempre coa máxima de “normalizar a convivencia e integración social dos mozos e mozas con diversidade funcional”.

Traballo de Deseño e Son
Traballo de Deseño e Son

Música sen barreiras

Na parte de música, coordinada por Isabel Puente, fan concertos en conxunto co alumnado dos centros de educación especial. Antes os alumnos deses centros ían velos tocar unha vez ao mes ou cada quince días ao IES Menéndez Pidal, ata que comezaron a preparar pezas en conxunto.

A chegada da pandemia alterou as súas rutinas e actualmente non poden ensaiar xunto ao alumnado de Aspronaga, pero cada quen practica pola súa banda e a distancia gracias aos ordenadores. Isabel explica que “os rapaces de Aspronaga están a traballar cunha musicoterapeuta e están preparando tamén o repertorio” que logo traballarán conxuntamente. Coa maioría dos seus instrumentos gardados para gañar espazo na aula, as clases de Isabel consisten agora en solfear e mellorar pouco a pouco para poder retomar os concertos en canto se poida.

Mentres, seguirán facendo música como poidan, adaptándose ás circunstancias. E é que os beneficios da música son moitos: “crea relacións de grupo, relaxa, fortalece o sentimento de comunidade, mellora a atención e a memoria, e ten moitos beneficios a nivel emocional”. “A música é un bálsamo”, asegura, e lamenta que moitas veces se prescinde desta materia: “é unha carencia tremenda do sistema educativo. Os rapaces non son máquinas”.

Ademais, nalgúns proxectos combinan a tecnoloxía coa música. Por exemplo, o ano pasado fixeron unha luva para que persoas xordas sentisen a música. O accesorio conectábase a un teléfono e o usuario podía sentir diferentes vibracións nos dedos.

Traballo de Deseño e Son
Traballo de Deseño e Son

Imprimindo solucións a problemas concretos

Ao alumnado “interésalle moito ver que o fan lle vale a alguén (…) Algúns incluso enfocaron o seu futuro a campos relacionados con iso, como a educación especial ou a atención social”, indica Mª Paz Freire, coordinadora da parte de deseño e profesora de tecnoloxía no IES Menéndez Pidal.

Para ela os beneficios para o estudantado do seu centro están claros: “Fanse conscientes dunha realidade que existe e na que poden axudar. Todos podemos axudar dalgunha maneira”.

Traballo de Deseño e Son
Traballo de Deseño e Son

Felo Couto coincide con ela, e asegura que a xuventude conecta así “cunha realidade na que antes non repararan, póñense na pel do outro”. E para a súa clase de educación especial os beneficios tamén son numerosos: “saír, dar visibilidade, facer cousas por eles mesmos…”.

Todos podemos axudar dalgunha maneira

Dende que identifican un problema ata que idean e imprimen a solución hai todo un proceso. Un proceso que comeza cunha tormenta de ideas ou con algunha petición, xa sexa dunha persoa concreta ou dalgunha entidade que contacta con eles. Este profesor lémbrase ben do caso daquela muller que tiña artrose e que lles pediu unha peza ergonómica para poder abrir a casa coas chaves sen dificultade, ou daquel rapaz ao que lle adaptaron o guiador da moto para poder collela de novo a pesar de ter o brazo inmóbil. “Ves que o que fas realmente axuda”, afirma Felo emocionado.

Mª Paz Freire destaca o proxecto que fixeron en colaboración coa ONCE. O alumnado do seu instituto creou unhas pequenas fichas que parecen as dun dominó amarelo. Pero en lugar de puntos, nun extremo hai letras e noutro como se representa cada unha en braille. “Nós pensabamos que nolo pedían para os nenos cegos, pero déronlle a volta. Non é soamente para os nenos cegos, senón para que os que non son cegos melloren a súa comunicación con eles”.

Para esta profesora, que leva máis de 20 anos dando clases, este tipo de proxectos demostran ademais que a tecnoloxía “é unha ferramenta útil de axuda”. “A xente pensa que a tecnoloxía é un accesorio, pero é algo fundamental para o día ao día”.

Traballo de Deseño e Son
Traballo de Deseño e Son
12 months ago

Que é para ti a inclusión cultural? 👀📸 Queremos sabelo! Xa podes participar no I Concurso fotográfico das artes e a cultura inclusivas #Festigual 2020 ! 📝👉 Consulta as bases en ... See more

« 2 of 2 »
Organizan:

imaxe do logotipo do concello da coruña
imaxe do logotipo da fundación emalcsa
Colaboran:

imaxe do logotipo da fundación maría josé jove
imaxe do logotipo de vegalsa
Xestiona:

imaxe do logotipo de culturactiva