Mundo sen guerras e sen violencia A Coruña

Marisa Fernández leva media vida adicada ao activismo e a loitar por un mundo sen violencia. Hoxe, aos seus 55 anos, é presidenta da Asociación Mundo sen Guerras e sen Violencia (MSG) da Coruña, unha entidade que este ano participa por primeira vez no Festigual coa Mostra de cine pola paz e a non violencia Cinemabeiro. Como se pode intuír polo seu nome, Cinemabeiro estivo cheo de cine. De curtas e longametraxes nos que se daba voz a mulleres, migrantes e persoas con diversidade funcional. Os filmes convertéronse nunha vía para amosar entre outras cousas a violencia cotiá, estrutural, que sofren moitas persoas e colectivos pero que apenas se visibiliza.

“Normalmente é moi fácil de recoñecer a violencia física: as guerras ou as agresións físicas. Pero hai outros tipos de violencia que condicionan as nosas vidas”, explica Marisa nun dos descansos desta mostra que nesta primeira edición demostrou ser un escaparate do mellor cine de Dereitos Humanos.

Marisa Fernández do colectivo Mundo sen guerras e sen violencia
Marisa Fernández

“Normalmente é moi fácil de recoñecer a violencia física: as guerras ou as agresións físicas. Pero hai outros tipos de violencia que condicionan as nosas vidas”.

Ademais de proxeccións, houbo cinco mesas de debate, unha delas adicada ao dereito á educación das persoas con discapacidade funcional, mental, trastornos mentais e en risco de exclusión social. E é que estas persoas, segundo explica Marisa Fernández, tamén sofren esta violencia que ás veces é invisible e inivisibilizada. Asociacións que traballan no eido da saúde mental, como Apem, Aspace ou Acadar, estiveron presentes.

Nesta sociedade “se unha persoa ten algún tipo de discapacidade, ou é maior, considérase que non é produtiva”, comenta con indignación, e engade que cando unha persoa individual ou un colectivo é excluída por esta razón, aféctanos a todos e a todas, aínda que non sexamos conscientes. “Cando un ser humano sofre, sufrimos todos, porque ese ser humano ten algo que ver con todos nós. Aquí ninguén sobra”.

Marisa Fernández critica que “todas esas necesidades de coidados recaen sobre as familias”, pois como sociedade “non nos facemos cargo de coidar”. “Non nos facemos cargo nin de coidarnos a nós mesmos”.

Fotograma da curta Laatash
Fotograma da curta Laatash
Fotograma do filme At the Philosopheres School
Fotograma do filme At the Philosopheres School

Cando un ser humano sofre, sufrimos todos, porque ese ser humano ten algo que ver con todos nós. Aquí ninguén sobra”.

Para rematar con este tipo de violencias tan presentes pero esquecidas, primeiro hai que velas, ser conscientes de que son unha realidade. Aí é onde entra en escena o cine. “Eu creo que o cine axuda a darse conta e a visibilizar”, indica Marisa sentada xunto a unha das grandes cristaleiras que dan ao mar no Museo Domus da Coruña. “O cine chega á imaxinación, ao corazón. É un modo de concienciar… e unha vez que nos decatamos da realidade, chega a pregunta: Que podemos facer?”

O cine chega á imaxinación, ao corazón. É un modo de concienciar”

Fotograma do filme Nuestra vida como niños refugiados en Europa
Fotograma do filme Nuestra vida como niños refugiados en Europa

En Mundo Sen Guerras téñeno claro: diálogo, acción e cooperación. Este movemento social, que naceu en Chile en 1995, está actualmente presente en preto de 40 países. Neles realiza actividades locais pero tamén promove campañas internacionais como o “2000 sen guerras”, “Educación para a Non violencia”, o “Foro pola Paz e a Non-Violencia” ou a “Marcha Mundial pola Paz e a Non-Violencia”. O ano pasado 3.500 rapaces e rapazas de varias escolas da Coruña despregáronse ao longo do paseo marítimo da cidade formando unha gran cadea humana pola paz e a non-violencia. Eu quero vivir en paz, Rexeita o Bullyng na aula ou Loita contra o machismo foron algúns dos lemas que se podían ler nas pancartas do alumnado.

A hoxe presidenta de MSG tamén era moi nova cando comezou no activismo. “Hai moito tempo que a cousas non están ben, non é cousa de onte nin de antonte. Eu cando espertei e comecei a darme de conta de como eran as cousas, xa non me gustaron”. Dende entón loita por melloralas, acompañada de toda a base social e os compañeiros e compañeiras da súa entidade.

“Teño un gran amigo que sempre me di que son moi utópica”, lembra riseira. “Eu teño moita fe no futuro, creo que somos extraordinarios, todos e todas, e temos unha capacidade extraordinaria de transformar as cousas. Por iso teño esa certeza, a pesar de que sei que será difícil”.

Eu teño moita fe no futuro. Creo que todos e todas temos unha capacidade extraordinaria de transformar as cousas”.

Será difícil, pero opina que grazas a iniciativas como o Festigual ou convocatorias como a da Fundación Emalcsa, estamos no bo camiño. “Gracias á axuda da Fundación Emalcsa podemos facer esta mostra de Cinemabeiro, senón non poderíamos. Poder acceder a unha subvención axudounos a que isto sexa unha realidade, polo que estamos moi agradecidos”.

Organizan:

imaxe do logotipo do concello da coruña
imaxe do logotipo da fundación emalcsa
Colaboran:

imaxe do logotipo da fundación maría josé jove
imaxe do logotipo de vegalsa
Xestiona:

imaxe do logotipo de culturactiva