SOCIEDADE FILATÉLICA DA CORUÑA

“Dende que se creou, o selo era una maneira de que a cultura chegase a todo o mundo.
Naqueles momentos nos que non había Internet nin outras cousas, igual a única forma de
ver unha pirámide era por un selo que podía chegar nunha carta.
Esa era a importancia da filatelia.”

 “Cada vez se utilizan menos selos, pero realmente dende que se creou, o selo era unha maneira de que a cultura chegase a todo o mundo. Naqueles momentos nos que non había Internet nin outras cousas, igual a única forma de ver unha pirámide era por un selo que podía chegar nunha carta. Esa era a importancia da filatelia”.  Asegura que a súa entidade, que está a piques de cumprir 60 anos, leva moito tempo traballando para que a filatelia e a cultura sigan ligadas, como sempre o estiveron.

“Aprendín que non se pode prexulgar a ninguén porque ao final é unha sorpresa o que che pode aportar”, conta José Luis Rey Barreiro, presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, unha entidade que xa leva catro anos formando parte de Festigual. Sempre riseiro, explica que nesta edición o seu proxecto xira en torno a un fito que, aínda que moitos coruñeses e coruñesas o descoñecen, marcou a historia da súa cidade: a chegada de Carlos I á Coruña en 1520, hai cinco séculos.

Xurado do concurso de selos do forum filatélico
Xurado do concurso de fotografías

“Aprendín que non se pode prexulgar a ninguén
porque ao final é unha sorpresa o que che pode aportar.”

Para quen se poida sorprender do interese da Sociedade Filatélica da Coruña pola Historia, o seu presidente aclara que a filatelia é moito máis que selos: “A xente cando pensa na Filatelia céntrase só no selo, pero a filatelia vén de moito antes”. “Sempre houbo alguén que levase unha mensaxe a outra persoa. A historia postal existe dende o inicio dos tempos”, explica Jose Luis co entusiasmo de quen convertiu a súa pasión no seu oficio.

Como grandes amantes e coñecedores da historia da nosa cidade, este ano non quixeron perder a oportunidade de conmemorar o 500 aniversario da chegada de Carlos I á cidade herculina, un fito que marcou a cidade da Coruña e de Galicia. Así que se puxeron mans á obra para preparar un proxecto no que están a participar persoas de asociacións como Aspronaga ou Asperga e o alumnado do colexio Grande Obra de Atocha.

O Proxecto

Organizaron un concuro de fotografías coas persoas das asociacións, que tiñan como obxectivo captar a través das imaxes aquela visita do rei á cidade. Os lugares polos que pasou, murallas, portas… De entre todas as presentadas, un xurado escolleu as cinco mellores fotografías, que pasaron a formar parte da exposición da Sociedade Filatélica. Ademais, estas fotos feitas por persoas de Asperga, pasaron ás mans do alumnado da Grande Obra de Atocha e da escola de Aspronaga. Alí, os alumnos e alumnas interviron sobre as fotografías, interpretándoas ao seu xeito. Agora, unha desas orixinais creacións convertirase nun selo oficial de Correos.

O proxecto introduce ás persoas participantes e aos nenos e nenas das escolas no mundo da filatelia, na Historia e na arte, e pon en valor as distintas capacidades de todas elas. É unha aposta pola integración e a creatividade e unha oportunidade única para que as asociacións e os centros educativos colaboren e traballen xuntos.

“É un proxecto super interesante”, opina Manuel Vázquez, profesor de Educación Primaria na Grande Obra de Atocha e membro do xurado do concurso de fotografías. “Primeiro a xente que fixo as fotografías participou facendo a foto, pero a foto non se queda aí. Logo veñen os rapaces da miña aula, con nove ou dez anos, collen esa visión que tiveron persoas doutros centros, coa súa singularidade, e modifican. Pintan enriba, recortan, pegan, botan purpurina… É como unha especie de cadea, unha colaboración”.

Explica que esta actividade espertou a curiosidade da súa clase, que lle preguntaba sobre quen era Carlos I e sobre todo sobre quen eran as persoas que fixeron as fotografías. “Os que estamos no mundo de educación moitas veces deixámonos levar un pouquiño polo que é a rutina, e todas estas experiencias sempre sacan o mellor dos rapaces, a súa creatividade, unha forma diferente de ver o mundo”.

José Luis Rey Barreiro
Manuel Vázquez

O Resultado

Todavía emocionado por formar parte do xurado do concurso, Manuel conta que foi unha experiencia “moi enriquecedora”, “unha pasada”, e di que este tipo de experiencias “che fan replantexar moitas cousas”. O único difícil foi escoller, xa que segundo di había material de moita calidade.

Había en concreto unha foto un pouquiño especial, era ver a foto e sentirte dentro dela. A porta ten unhas escaleiras que antes ían dar o mar, e o fotógrafo púxose dentro das escaleiras, non fotografiou a porta. Entón vías as escaleiras e a entrada ao mar… moi interesante esa foto.”

Só as cinco imaxes gañadoras chegaron ás aulas, pero explica José Luis que todas as participantes forman parte da exposición da Sociedade Filatélica. “Cando a xente vaia á exposición vai ver unha parte que son pezas historicas, pezas de Filatelia de Carlos I… pero á vez ao lado vai estar isto. É outra visión que está englobada en toda a exposición”, indica José Luis, e insiste: “Non é uha seleccion chiquitita nunha esquina, senón que se arroupa toda a exposición cos temas do proxecto”.

Para el, o máis importante é que a diversidade funcional ou a discapacidade se vexan “con normalidade”. “Todas estas subvencions de Emalcsa axudan a conseguilo”. “Ás veces faise visible pero parece que é algo especial, a idea é que sexa normal”. Ademais, engade que “para todas estas persoas e para as súas familias, que os seus fillos e fillas teñan esa visibilidade é importante. Deixa de ser algo que antigamente se agochaba para pasar a ser os protagonistas do tema”.

Podería facerse visible pero que fose algo especial, a idea é que sexa normal.

Reinventarse e avanzar

Hoxe os correos transformáronse en emails e as postales en imaxes que se mandan por WhatsApp, polo que a Filatelia tivo que reinventarse. “Tratamos de potenciar a Filatelia e que a xente xoven tamén a coñeza”, explica Jose Luis. Con este obxectivo, o de achegar a Filatelia a todo o mundo, cada ano organizan este tipo de exposicións e actividades. E con este fin, o de reinventarse e seguir avanzando, presentáronse hai xa catro anos á convocatoria da Fundación Emalcsa. No que era o seu primeiro ano como presidente, José Luis acudiu á reunión de presentación que se fixo no Ágora e lembra cun sonrriso que dende o primeiro momento a idea lle pareceu moi interesante. “Ao principio os membros da directiva o viron un pouco extraño, nunca se fixera”, explica, e engade: “Ao principio os cambios custan, pero agora están encantados, a verdade, veno como algo normal”.

Para el, estes proxectos son moi positivos non só para as persoas usuarias ou as escolas, senón tamén para a Sociedade Filatélica, xa que consiguen chegar a moita máis xente.

“Unha exposición filatélica a un filatélico pódelle encantar pero igual unha persona da rúa  cústalle máis. É un tema máis duro. Pero si á vez que expós iso expós outra cousa… ao mellor a persoa comeza vendo debuxos e remata vendo selos, ou á vez, á par. A cousa é que non sexan ambitos tan pechados”, reflexiona. “Hai asociacions que se quedan ancladas nunha época e hai que evolucionar cos tempos”.

Organizan:

imaxe do logotipo do concello da coruña
imaxe do logotipo da fundación emalcsa
Colaboran:

imaxe do logotipo da fundación maría josé jove
imaxe do logotipo de vegalsa
Xestiona:

imaxe do logotipo de culturactiva